miércoles, 17 de octubre de 2012

FONDO GALEGO DE COOPERACIÓN E SOLIDARIDADE




O Fondo Galego presenta en Cambre               
 un novo conto para crear conciencia solidaria

- ‘Antía, Wamba e o regato pequeno’ é a proposta ideada pola compañía A Tropa de Trapo para o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade
- O espectáculo xirará por vinte Concellos socios da entidade municipalista e chega a Cambre arredor do Día Internacional para a Erradicación da Pobreza
 A xira do novo espectáculo de contacontos deseñado pola compañía A Tropa de Trapo para o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade continúa mañá xoves en Cambre. Grazas ao apoio do Concello de Cambre, socio da entidade municipalista e membro da Comisión Executiva a través da concelleira dona María Jesús González Roel, alumnado do CEIP Wenceslao Fernández Flórez gozará e aprenderá coa representación de ‘Antía, Wamba e o regato pequeno’, que comeza ás 10.30 horas. A actividade encádrase na conmemoración do Día Internacional para a Erradicación da Pobreza, que se celebra o 17 de outubro, e trátase ademais dunha das múltiples propostas coas que o Fondo Galego está a celebrar o seu 15º aniversario.

Marta Ortiz e Brais das Hortas volven apostar polas historias con música en directo, desta volta dirixidas a un público infantil e familiar. A obra está protagonizada por Antía, unha nena galega, e Wamba, un mozo do Congo que se busca a vida vendendo de todo na rúa. Os contos del e as merendas dela fundiranse nunha amizade que lle aprenderá a Antía que compartir non é dar o que che sobra e que, como din na tribo de Wamba, o río énchese con regatos pequenos.

O espectáculo xirará ata finais de ano por vinte Concellos socios do Fondo Galego de Cooperación: Lousame, Ourense, Santiago de Compostela, A Coruña, Cambre, Pontecesures, Mugardos, Oleiros, Lugo, Viveiro, Riotorto, Castroverde, Samos, Sandiás, Manzaneda, Vigo, Pontevedra, Redondela, Gondomar e Covelo.

‘Antía, Wamba e o regato pequeno’ tómalle o relevo aos ‘Contos coas mas abertas’, que desde 2010 percorreron un total de 61 escenarios de 48 Administracións socias do Fondo Galego, colleitando unha excelente acollida. O novo espectáculo da Tropa de Trapo volve contemplarse no Plan de Sensibilización, cofinanciado pola Xunta de Galicia.

O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 92 Concellos e as Deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido 142 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.


No hay comentarios:

Publicar un comentario